Pintura Gallega Contemporanea

INFORMACIÓN
  • Fecha: del 30 de abril al 30 de junio de 2015
  • Ciudad: Lugo
  • Lugar: Museo de Lugo
  • Accesibilidad: Museo de Lugo
  • Tipo de Evento: Exposición
  • Horario:  9:00 a 21:00 h.

INFORMACIÓN:

PINTURA GALEGA CONTEMPORÁNEA (Colección de Álvaro Gil Varela)

Podería dicirse que os fondos dunha colección actúan como un grande escaparate, no que é posible descubrir non só as querenzas artísticas do propio coleccionista senón tamén as da súa época. O conxunto de obras de arte contemporánea de Álvaro Gil Varela revela os seus gustos por determinadas correntes, así como a amizade do filántropo con sinalados artistas, cos que nalgún caso compartía ademais afinidades políticas, e obviamente, tamén, a súa vinculación a Galicia, e máis concretamente a cidade de Lugo.

Pero de igual forma, a liña estilística elixida evidencia que esta é filla do seu tempo, e que este non é outro que o que transita dende o último terzo do século XIX a ben entrado o XX, unha etapa ampla determinada por acontecementos históricos que como o desastre do 98 e a Guerra Civil do 36 perfilan momentos transcendentais para a historia da arte do noso país como a melancolía finisecular, sublimada nunha interpretación particular da raza, os costumes e a paisaxe, e a truncada inquietude renovadora de autores da Galicia de preguerra. Son anos en xeral definidos por un eclecticismo que vacila entre a tradición, acreditada polo academicismo, e a modernidade, con afinidades cara á vangarda.

O periplo expositivo iníciase con dúas figuras claves: Jenaro Pérez Villaamil e Xesús Corredoyra. O primeiro asume a representación da paisaxe dende unha visión romántica na que prima a sensibilidade emotiva da natureza e o gusto polo exótico. É unha visión subxectiva e de rebuscado efectismo. Pola súa banda, o pintor lucense preséntase con varias pezas identificadas nas súas pautas máis coñecidas: o acervo místico influído polas lecturas de San Juan de la Cruz e un manierismo asociado ao efecto que El Greco produciu nel, elementos ambos os dous que promoveron na súa pintura unha atmosfera espiritual e triste, así como un cromatismo escuro e de formas vehementemente estilizadas.

Pero a partir deste prólogo a colección rexistra, en sucesivas etapas e dende distintos parámetros estilísticos, a interpretación dos xéneros tradicionais vistos a través da particular mirada dos seus autores. O naturalismo, intentando asegurar o maior grao de obxectividade, define a acuarela de Agustín Redondela cunha panorámica de Baiona; en cambio, a obra, mediatizada pola influencia do modernismo catalán e o impresionismo francés e, polo tanto tamén, pola percepción visual da luz e a cor, describe a concepción paisaxística tanto de Francisco Llorens coma de Alfredo Souto, José Frau e Juan Luis López. Son autores con distintas facturas da paisaxe, un pretexto pictórico que os cativou, chegando a converter a urbe ou o campo nun tema recorrente.

Este período de transición secular verase igualmente afectado por unha carga alegórico-idealista que establece vínculos coa tradición española e que supón, nalgún caso, a aceptación do tópico. Baixeras Berdaguer, Dionisio Fierros, Álvarez de Sotomayor mostran unha iconografía costumista, anecdótica e de gran detalle, na que se reitera a busca dunha identidade racial arremedada. A imaxe amable, enaltecida mesmo por certo lirismo, atópase en claros exemplos como o de Amando Suárez Cotarelo e Julia Minguillón, unha das creadoras máis sutís e delicadas no tratamento das composicións. Neste mesmo ámbito, cadros de tipos, coinciden os óleos con figuras ao aire libre de Juan Luis López. Por outra parte, o argumento clásico dos retratos de Luis Mosquera Gómez demostra, como no resto dos autores xa citados, que este tipo de figuración o que en ningún caso presupón é un descoñecemento da técnica. Todos utilizan o dominio notable do debuxo para a realización das súas propostas.

Os camiños paralelos da figuración, xa no primeiro terzo do XX, conflúen en correntes que abren novos camiños de tendencias. As alternativas estéticas que revolucionaran a historia da arte dende Europa chegan caladas pola implicación política de artistas como Castelao. É o relato reivindicativo articulado pola militancia que se activa despois de 1917 co Manifesto de Manuel Antonio. O compromiso ético e estético proxéctase nesta colección intervido polo matiz nacionalista da mensaxe. Maside, Colmeiro e Seoane serán de igual modo representantes desa preocupación ideolóxica, tamén desa renovación que busca a complicidade de afiliar a modernidade á historia artística do granito galego.

En xeral os pintores, que practicaban con máis ou menos asiduidade a diversidade de motivos, acusan as mesmas particularidades de estilo nos distintos xéneros. O soberbio bodegón de Arturo Souto, por exemplo, non é máis que a inquietude por aquilatar distancias con formulacións aperturistas próximas, neste caso ás vangardas parisienses. Insistirá nas mesmas intencións plásticas nos retratos, entre os que destaca o de Álvaro Gil Varela, o artífice desta colección.

Por último a selección, con arredor de setenta obras representativas da pintura, apura os seus últimos tramos internándose timidamente na contemporaneidade expresionista que cruza xa a liña da segunda metade do XX con artistas da relevancia como Laxeiro e Bea Rey.

[Mercedes Rozas, crítica de arte]

No hay comentarios:

Publicar un comentario